Oia acolle o día 12 as proxeccións das curtas finalistas aos premios Mestre Mateo
As mellores curtametraxes galegas do ano chegarán a Oia o próximo luns 12 de outubro da man do Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade, que achegará ao Centro Cultural de Pedornes unha selección das obras finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo. As proxeccións comezarán ás 17.00 horas, con entrada libre.
Oia é un dos 26 concellos galegos que este ano forman parte deste circuíto de exhibición, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual. En total, en Oia proxectaranse 9 obras que permitirán achegarse á diversidade e creatividade do audiovisual galego a través de diferentes historias, estilos e propostas. A programación dividirase en dúas sesións, a primeira delas dedicada ás finalistas na categoría de Mellor Curtametraxe de Imaxe Real, con Abellón, Algo novo que contar, Curmán, Adeus e Berta. A continuación será a quenda da animación, cunha selección das curtametraxes finalistas nesta categoría: Lucus, Nuno, O mesmo e O corpo de Cristo.
O Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade nace coa vontade de prolongar a vida das obras máis alá da súa presenza nos festivais e da propia gala dos Premios Mestre Mateo, facilitando o encontro entre as creadoras e creadores galegos e o público. Ao mesmo tempo, contribúe á difusión da curtametraxe como formato e apoia especialmente novas voces e talentos do audiovisual galego.
A iniciativa aposta tamén por descentralizar a programación cultural, levando estas obras a vilas e localidades que non sempre dispoñen dunha oferta estable de cinema galego, e permitindo que o público poida coñecer de preto algunhas das propostas máis destacadas da creación audiovisual actual en Galicia.
O Concello de Oia anima á veciñanza a achegarse o próximo luns ao Centro Cultural de Pedornes para desfrutar desta iniciativa e descubrir o talento do audiovisual galego a través dunha sesión especialmente pensada para compartir e gozar do cinema en comunidade.