Nova oportunidade para descubrir as “historias non escritas” de Oia, desta vez con visitas guiadas ao Arrabal

Nova oportunidade para descubrir as “historias non escritas de Oia”. Tras o éxito da visita dramatizada desenvolvida polo obradoiro veciñal de teatro, e dentro da iniciativa “6×6 Punto de Encontro O Arrabal: historias non escritas”, o Concello de Oia desenvolve unha programación de visitas guiadas gratuítas polo barrio histórico nas fins de semana.

As visitas polo Arrabal desenvolverase todos os sábados e domingos entre o 15 de xuño e o 14 de xullo co obxectivo de revalorizar o patrimonio do municipio. Así, ademais de percorrer os principais puntos de interese do barrio nado ao abeiro do Mosteiro cisterciense, durante a visita guiada se explicarán costumes, tradicións e historias que forman parte do patrimonio intanxible e a memoria colectiva local.

As visitas guiadas sairán da Oficina de Turismo de Oia e terán unha duración aproximada de unha hora. Os sábados desenvolveranse en horario de tarde, ás 19.30 horas, mentres que os domingos a cita será pola mañá, ás 12.30 horas.

Éxito da visita dramatizada

O pasado 2 de xuño o barrio histórico da parroquia de Santa María de Oia acolleu unha visita dramatizada desenvolvida polo obradoiro de teatro veciñal. A representación foi o cumio dun proceso que combinou formación en materia de artes escénicas cunha análise e reflexión arredor do patrimonio intanxible de Oia.

Os contidos patrimoniais traballados no obradoiro serviron para elaborar a diferentes pezas dramáticas que se representaron en rúas e prazas do Arrabal, pero tamén para confeccionar a programación de visitas guiadas que se desenvolverá ao longo das próximas semanas.

A visita dramatizada tivo unha boa acollida por parte do público, pois foi un número importante de veciños e visitantes os que se achegaron ata o Arrabal, converténdose esta zona en todo un “punto de encontro” ao longo da xornada. Polo tanto, o Concello considera que a iniciativa foi un éxito, tanto polo seu poder de convocatoria como pola calidade artística demostrada pola veciñanza e artistas participantes.

Ademais desta actividade, ao longo da xornada do 2 de xuño o público tamén puido gozar dunha programación cultural complementaria: unha exposición de obxectos antigos, un espectáculo de animación infantil, postos de artesanía local e cantos de taberna.

Todas estas actividades de “6×6 Punto de Encontro O Arrabal: historias non escritas” están organizadas polo Concello de Oia e contan co financiamento da Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia, dentro do programa do Xacobeo 2021