O Concello de Oia contrata unha Técnica Forestal

O Concello de Oia acaba de contratar unha técnica forestal para reforzar o servizo de tramitación de limpeza de fincas, debido a gran cantidade de solicitudes formuladas, para contribuír a mellora da prevención de incendios forestais.

O contrato terá unha duración de 4 meses, prestando servizo no Concello os luns, xoves e venres.
Esta contratación resulta do segundo proceso de selección de persoal iniciado polo Concello, xa que o primeiro, iniciado no mes de marzo, quedou vacante.

As tarefas que realizará a técnica forestal será xestionar as denuncias relacionadas coa Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios e a Lei 7/2012 de Montes de Galicia; a comprobación do cumprimento ou non das obrigas de limpeza das parcelas; as demandas de información sobre autorización de cortas e queimas; a tramitación dos expedientes de corta ou queimas en núcleos e sobre denuncias de vertidos incontrolados; a información sobre a Lei de prevención e defensa contra incendios, fundamentalmente sobre distancias do arborado ás vivendas e obrigas dos propietarios forestais, dar charlas informativas sobre cuestións relacionadas coa prevención de incendios; as obrigas de limpeza das parcelas, etc.

Dende o Concello se recorda que os terreos dos núcleos tiñan que estar limpos antes do 31 de maio; así como as franxas de 50 metros en torno aos núcleos de poboación, edificacións e instalacións e franxas de 10 metros das estradas, que deben estar libres de maleza e árbores pirófitos.

Se lle vai a dar prioridade as fincas de maior risco para a poboación, recordando que se as limpezas de fincas non se executan poden ser obxecto de sanción ou limpeza subsidiaria, previos os trámites legais correspondentes, repercutindo o gasto aos propietarios.

En materia de prevención de incendios, a Alcaldesa sinala que “o Concello tamén asinou por terceiro ano consecutivo un Convenio coa Consellería de Medio Rural, para a cesión dunha motobomba e a subvención dos costes laborais de tres condutores, durante tres meses”.

Pin It on Pinterest

Share This