O Concello de Oia recupera e pon en valor as fontes e o lavaroido da Riña
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de impulsar ata 13 actuacións de ‘fermosismo’ a través da corrección de impactos paisaxísticos, unha de carácter público e a ducia restante de índole privada, na comarca do Baixo Miño cun investimento de 54.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, acudiron esta mañá ata Oia para comprobar, coa rexedora Cristina Correa, a actuación impulsada polo Concello para a posta en valor das fontes e o lavadoiro da Riña.
“Seguimos traballando de xeito decidido no embelecemento de Galicia tanto con axudas aos concellos para mellorar os bens de titularidade pública e municipal como con achegas aos galegos propietarios de inmobles que queren que estes lozan nas mellores condicións. E nesta liña, a comarca do Baixo Miño foi unha das grandes beneficiarias desta orde de axudas correspondente ao pasado ano, tal e como comprobamos hoxe coas obras rematadas, e agardamos que tamén aproveite a convocatoria deste 2023”, explicaron os representantes autonómicos.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu o pasado ano unha ducia de axudas a prol de particulares da bisbarra cunhas achegas totais por riba dos 34.000 euros. Deste xeito, puidéronse rehabilitar, con melloras en cubertas, fachadas e outras instalacións, un total de 4 inmobles no municipio do Rosal, 3 en Tomiño, 2 na Guarda, 2 en Oia e un en Tui.
Ademais, nesta zona tamén se concedeu unha das axudas para a posta en valor dun ben público a prol do Concello de Oia, que recibiu unha achega de 20.000 euros para o financiamento da recuperación e posta en valor das tres fontes e o lavadoiro da Riña, que están catalogados no Plan Básico Autonómico.
Esta actuación, orzamentada nuns 30.000 euros, centrouse nun conxunto tradicional de pedra granítica e muros de xunta seca de gran valor patrimonial. A mesma consistiu na substitución da cuberta preexistente por outra de madeira e tella cerámica e na restitución dos muros de pedra orixinais.
Para o presente ano, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda volveu a convocar estas axudas na dobre vertente para persoas físicas e tamén para concellos de ata 20.000 habitantes no que se refire a bens de titularidade municipal e uso público que se queiran recuperar ao abeiro das directrices e os valores do Catálogo das Paisaxes de Galicia.
A orde para particulares, que acaba de pechar o seu prazo de solicitudes, ten un orzamento dun millón de euros e financiará ata o 70% cunha axuda máxima de 3.000 euros por actuación, mentres que a orientada aos municipios terá a mesma partida e mantén aberto o período de peticións ata o 28 de febreiro. Neste caso, a achega autonómica tampouco poderá superar o 70% do investimento, pero a contía poderá alcanzar os 20.000 euros.