O Concello rehabilita as Escolas de Torroña para usos socioculturais

Acometéronse melloras para favorecer o illamento térmico e acústico, evitar humidades e mellorar a accesibilidade | Incorpóranse equipamentos como un proxector, amplificadores, altofalantes e novas mesas e cadeiras

O Concello de Oia vén de acometer diversas obras de mellora e rehabilitación do inmoble das antigas Escolas de Torroña, unha actuación que supuxo diversos traballos de renovación de materiais, intervencións en materia de accesibilidade e dotación de equipamentos para usos socioculturais.

A actuación contou cun investimento total de 53.131,08 euros e foi realizada ao abeiro dunha subvención do GDR Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural. A cantidade incluída dentro da axuda (concedida dentro da medida LEADER, con fondos de FEADER, MAPA e Agader) ascendeu a un total de 48.778,98 euros. Pola súa banda, os 4.352,10 euros restantes corresponden a unha achega de fondos propios do Concello.

As obras de mellora consistiron na renovación de fiestras, portas, pavimentos e falsos teitos a fin de solucionar os problemas de illamento térmico, acústico e de humidade que existían neste local. Por outra banda, tamén se desenvolveron actuacións na zona de aseos (tanto nos accesos, como nos materiais de acabado e no mobiliario) para mellorar a súa accesibilidade.

Do mesmo xeito, renovouse a pintura e acabados das paredes e incorporáronse novos equipamentos e elementos de mobiliario destinados mellorar a calidade dos usos socioculturais que se adoitan desenvolver no inmoble (programas de envellecemento activo e outras iniciativas). 

Entre as novas incorporacións no equipamento das Escolas de Torroña destaca un proxector, amplificadores e altofalantes; así como varias cadeiras, mesas e estores.

Pin It on Pinterest

Share This