O Concello de Oia aproba uns orzamentos sociais e que incorporan como novidade axudas ás traídas de auga

As contas, que ascenden a un total de 1,69 millóns de euros, inclúen por primeira vez axudas as traídas veciñais e incrementan as achegas aos curros

O Concello de Oia vén de aprobar definitivamente os seus orzamentos para o ano 2020, marcados por unha forte aposta no eido social e con algunhas partidas novidosas, como a relativa as subvencións para as traídas veciñais e axudas para o transporte escolar. 

As contas ascenden a un total de 1,69 millóns de euros, o que supón un lixeiro aumento sobre o orzamento de 2019, que foi de 1,62 millóns de euros. Segundo destaca a alcaldesa, Cristina Correa, trátase duns orzamentos “con débeda cero e sen incremento dos impostos municipais” onde “se priorizan os servizos sociais” e se inclúen algunhas novidades. 

“Con estas contas damos cumprimento ao noso compromiso electoral de apoiar ás traídas veciñais e tamén reforzamos a nosa aposta por poñer en valor os curros”, engade a rexedora, facendo referencia a algunhas das novas iniciativas que inclúen este ano as contas.

Os orzamentos do Concello de Oia recibiron a aprobación inicial do pleno o pasado 30 de decembro, cos 6 votos a favor do grupo municipal do PP e 5 votos en contra dos grupos da oposición, PSdeG-PSOE e BNG. Agora, unha vez superado o prazo de información pública sen que se presentasen alegacións, quedaron aprobados automaticamente de forma definitiva e xa están vixentes.

Novidades

Entre as principais novidades dos presupostos figura a consignación de 2.000 euros para bolsas de transporte escolar para alumnado de bacharelato e unha partida de 25.900 euros que se destinará a axudas ás traídas de auga veciñais. O Concello publicará proximamente as bases das subvencións das traídas, ás que se accederá en réxime de concorrencia competitiva.

Por outra parte, as contas deste ano incrementan as achegas ás asociacións de gandeiros que organizan os curros. A organizadora da rapa das bestas da Valga contará con 1.200 euros e destinaranse 2.400 euros á que se encarga dos curros de Torroña e Mougás.

Principais partidas orzamentarias

A partida que alcanza un maior importe nos orzamentos deste ano é a correspondente ás políticas sociais. A este respecto, consígnanse 192.030 euros aos servizos de axuda no fogar, que desenvolverán un total de 13.500 horas de actividade ao longo do ano.

O capítulo de investimentos ascende aos 44.625,61 euros de recursos propios do Concello (é dicir, sen ter en conta posibles subvencións doutras administracións). Dentro deste capítulo destacan a achega ao Plan Marco da Xunta para a Mellora de Camiños Municipais, cunha dotación municipal de 10.000 euros.

Tamén está prevista nas contas para 2020 a rehabilitación das Escolas de Torroña, actuación que se acometerá no verán ao abeiro dunha subvención do GDR -Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural-. O Concello consigna 5.425,61 euros ás obras de mellora deste inmoble de usos socioculturais, o que supón o 10% do custo total da actuación (54.204,59 euros).

Outro dos principais investimentos programados para este ano é a creación dunha ruta de sendeirismo na Valga, iniciativa que contará cunha dotación municipal de 10.000 euros para a súa sinalización.

Finalmente, destacan partidas como a reservada aos traballos técnicos do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) correspondente á anualidade de 2020 e as relativas ao mantemento da aposta pola Asociación Costa dos Castros e por outras organizacións locais e comarcais de ámbito social e deportivo.