Oia adhírese ao programa de Vivendas Baleiras e crea os rexistros para ofertantes e demandantes de vivenda

As persoas interesadas poden comezar os trámites para rexistrar unha vivenda no programa ou ben para darse de alta como demandante

O Concello de Oia adheriuse ao programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo poder destinar a alugueiro social vivendas desocupadas, sexan de propiedade pública ou ben privada. Grazas a este programa, as persoas titulares de vivendas baleiras poden ofertar a súa vivenda con garantías, se lle dá prioridade de acceso a unha vivenda ás familias con poucos recursos económicos.

Para as persoas propietarias, o programa ofrece vantaxes como un seguro multirrisco do fogar e un seguro da garantía da reclamación do cobro da renda en caso de mensualidades impagadas por parte da persoa inquilina, quedando garantizado o cobro de ata 12 mensualidades impagadas. 

A Administración local vén de aprobar as bases reguladoras do programa, polo que as persoas interesadas en dar de alta unha vivenda da súa propiedade ou ben rexistrarse como demandantes xa poden comezar as correspondentes tramitacións. As anteditas bases están dispoñibles para a súa consulta no Concello de Oia.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia publica hoxe no DOG as bases das axudas dirixidas as persoas propietarias ou usufructuarias das vivendas en trámite de incorporación no Programa de Vivendas Baleiras.

Características das vivendas

Poderán entrar no programa inmobles de calquera tipoloxía edificatoria (pisos, vivendas unifamiliares, complexos inmobiliarios, etc.) sempre que a vivenda estea libre de limitacións ou cargas que impidan o seu arrendamento. Debe atoparse desocupada e en condicións de uso e reunir as condicións esenciais de habitabilidade e idoneidade para o seu arrendamento.

O prezo do aluguer das vivendas incorporadas a este programa en Oia non poderá superar os 350 euros –para unha superficie tipo de 90 metros cadrados-, sendo o prezo máximo orientativo de 3,89 euros o metro cadrado. 

A duración da posta a disposición da vivenda será de tres anos, contados a partir da data de inicio dos efectos do primeiro contrato que se subscriba no marco do programa.

Para solicitar a inclusión dunha vivenda no programa, as persoas propietarias deberán facer a correspondente solicitude no rexistro do Concello de Oia. Posteriormente, a Administración local fará unha inspección técnica da vivenda para comprobar as condicións de habitabilidade e idoneidade da vivenda así como a taxación da renda.

Unha vez comprobada a idoneidade do inmoble e emitido un informe favorable, procederase á declaración de “vivenda en réxime de arrendamento incorporada ao Programa de Vivendas Baleiras”.

Por outra banda, o Concello tamén creará un rexistro municipal coas persoas que soliciten formar parte do rexistro de demandantes das vivendas postas a disposición do programa.

Para a adxudicación das vivendas constituirase unha comisión de adxudicación e, unha vez asignadas a vivenda á persoa solicitante, procederase a formalización do contrato entre as partes implicadas.

As primeiras vivendas, en Loureza

As dúas primeiras vivendas de Oia que pasarán a formar parte do programa de Vivendas Baleiras serán as antigas casas de mestres de Loureza, recentemente rehabilitadas ao abeiro dunha subvención de 74.500 euros concedida pola Xunta, dentro deste mesmo programa de Vivendas Baleiras.

Estas vivendas contan con dous dormitorios, un baño, unha estancia de salón-cociña (coa cociña equipada) e un cuarto para a lavadora.

Demandantes

Poderán inscribirse no rexistro de demandantes do programa de Vivendas Baleiras as unidades familiares ou de convivencia que cumpran os seguintes requisitos:

-Atoparse nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugueiro no mesmo municipio.

-Acreditar a percepción duns ingresos mínimos ou de axudas, públicas ou privadas, que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de arrendamento.

-Non ter parentesco por vínculo de matrimonio ou outra relación estable análoga, por consanguinidade ou adopción, ata segundo grado, coas persoas arrendadoras. 

Terán preferencia na adxudicación das vivendas do programa as unidades familiares ou de convivencia afectadas por procedementos de execución hipotecaria ou desafiuzamentos, familias nas que haxa fillos menores, persoas maiores ou dependentes, familias numerosas e monoparentais con fillos a cargo, mulleres vítimas da violencia de xénero, persoas que foran anteriormente beneficiarias de axudas ao aluguer de programas xestionados polo IGVS e familias con problemas para asumir o arrendamento dunha nova vivenda tras sofrer sinistros como incendios, inundacións ou outras circunstancias sobrevidas.