A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Oia

VISITA DELEGADA XUNTA CRISTINA CORREA POMBAL ALCALDESA DE OIA

A nova representante territorial recolleu as demandas da alcaldesa da localidade, Cristina Correa, centradas en temas de saneamento, infraestruturas e cultura

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, continúa coa rolda de visitas institucionais iniciadas a pasada semana, e hoxe mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, recollendo as demandas relativas á actividade da administración autonómica.

A rexedora analizou coa nova delegada a decisión de Augas de Galicia de poñer en marcha un estudo para decidir cales son os mellores sistemas de depuración para cada parroquia do rural interior deste concello.

A futura licitación da obra de restauración da igrexa monacal de Oia tamén centrou parte deste encontro, xa que se trata dun investimento de máis de 770.000 euros que permitirá actuar sobre as humidades que deterioran o interior deste templo.

En relación ao Camiño de Santiago, a alcaldesa mostrou a súa satisfacción porque, a pesar da situación sanitaria que estamos a padecer, o concello contou con máis de 900 peregrinos ao longo deste verano, e con máis de 3.000 visitantes que se achegaron ata as oficinas de turismo da localidade.

A mellora de infraestruturas, así como o proxecto de rehabilitación e adecuación das instalacións do camping de Mougás, tamén foron obxecto deste encontro.

Cristina Correa agradeceu a María Luisa Piñeiro a súa visita ao concello e trasladoulle a súas felicitacións polo novo nomeamento.

Pin It on Pinterest

Share This