A “Aula Mentor” de Oia abre ao público no espazo de novas tecnoloxías do Concello
As persoas interesadas nesta iniciativa de formación online xa poden informarse no Concello
O Concello de Oia acaba de poñer en marcha unha “Aula Mentor” na nova Aula de Novas Tecnoloxías situada nos baixos do consistorio (antiga biblioteca), a cal funcionará de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas. A través desta nova iniciativa de formación telemática, a veciñanza poderá beneficiarse dun amplo catálogo de cursos online.
Para acceder a toda a información sobre o proxecto e máis ao catálogo de cursos o Concello conta cun espazo específico na web municipal, accesible na ligazón https://www.concellodeoia.es/aula-mentor/
As persoas interesadas nesta iniciativa de formación online poden contactar co Concello por teléfono (no 986362125 extensión 3) ou ben a través do correo electrónico oia@aulamentor.es
Aula Mentor ofrece formación telemática non regrada, flexible e con titorías personalizadas. Unha vez realizado o proceso de matrícula, as persoas beneficiarias poderán completar os seus cursos na propia aula de novas tecnoloxías ou ben nas súas casas.
Os cursos teñen un custe de 24 euros mensuais e, coa súa superación, obtense un certificado de aproveitamento asinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. Deste xeito, o sistema de “Aula Mentor” permite acumular e capitalizar aprendizaxes que son susceptibles de recoñecemento na educación regrada a través dos procedementos de avaliación e acreditación de competencias.
Mellorando a empregabilidade
O programa, que busca mellorar as posibilidades de empregabilidade a través da formación online, desenvólvese en Oia en virtude dun convenio asinado entre o Concello e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.
Concretamente, a “Aula Mentor” foi creada a través dunha subvención de 4.000 euros concedida polo Ministerio (axudas da Secretaría Xeral de Formación Profesional dirixidas a entidades locais territoriais para a creación de aulas de formación aberta, flexible e a distancia mediante tecnoloxías da información e a comunicación a través de Aula Mentor 2021).