Últimas prazas do taller sobre intelixencia emocional que se celebrará en Oia a mediados de xuño
Por primeira vez chega a Galicia este taller de intelixencia emocional con Pablo Villanueva, baixo a organización da Asociación San Xerome Emiliani | Unha oportunidade única para aprender a traballar coas emocións para desenvolver o talento e o liderado
A Aula de Novas Tecnoloxías recentemente posta en marcha polo Concello de Oia acollerá o próximo mes de xuño un taller sobre intelixencia emocional. Tras numerosas edicións noutros puntos de España, este taller chega por primeira vez en Galicia con Pablo Villanueva (Eclosión Coaching) como facilitador e baixo a organización da Asociación San Xerome Emiliani.
O taller está concibido como escenario de aprendizaxe no que poder vivenciar situacións cotiás nas que atopar parámetros persoais de éxito e estabilidade, e onde a xestión das emocións teña un papel fundamental. Trátase dun proceso dinámico de formación vivencial e experiencial en grupo e no que se levarán a cabo diversas actividades.
A actividade vai dirixida a persoas interesadas en desenvolver o seu talento e capacidade de liderado interno, identificar e comprender o que é importante para elas, mellorar a comunicación coas persoas da súa contorna, incorporar novas ferramentas de automotivación ou que se sintan vitalmente atascadas e queiran equilibrar o seu estado emocional.
Para inscribirse é preciso abonar a correspondente matrícula. A formación desenvolverase ao longo de tres xornadas e media, co seguinte horario: xoves 16 de xuño (de 16.00 a 20.30h, aprox.), venres 17 e sábado 18 (de 9.00 a 20.30 -con pausa breve a mediodía-) e domingo 19 (de 9.00 a 18.00 aprox). Máis información en www.eclosioncoaching.com/blog