A Festa da Carne de Potro de Torroña recibe a certificación “Festa Sostible” de Galicia Suroeste
A Festa da Carne de Potro de Torroña vén de ser recoñecida coa certificación “Festa Sostible de Galicia Suroeste 2025”, unha distinción que pon en valor o compromiso desta celebración coa implantación de boas prácticas ambientais e cun modelo de evento máis respectuoso co entorno.
A entrega da certificación tivo lugar no Concello do Rosal, nun acto organizado por Galicia Suroeste no que foron distinguidas un total de 12 festas gastronómicas e culturais do territorio. No encontro participaron representantes institucionais, comisións organizadoras e persoal técnico vinculado ao desenvolvemento deste programa de sustentabilidade.
No caso de Oia, o recoñecemento foi para a Festa da Carne de Potro de Torroña, unha cita xa consolidada no calendario festivo local e que destaca tanto pola súa vinculación coa gastronomía tradicional como polo seu forte arraigo.
O programa “Festa Sostible” promove medidas orientadas á redución do impacto ambiental das celebracións, especialmente en ámbitos como a prevención e separación de residuos, o uso responsable dos recursos e a promoción dos produtos locais e de proximidade.
Durante o acto púxose en valor o esforzo das comisións organizadoras á hora de incorporar criterios ambientais en festas cunha importante dimensión social e cultural, demostrando que tradición e sustentabilidade poden avanzar da man.
As Festas Sostibles de Galicia Suroeste
Xunto co festexo oiense, acadaron a certificación Festa Sostible de Galicia Suroeste a Festa da Lagosta e a Cociña Mariñeira de A Guarda; a Festa da Chanfaina e a Carne do Suído de Fornelos de Montes; a Festa do Xurelo Asado de Chaín en Gondomar, a da Empanada de Pan de Millo de Mos, a Feira do Viño do Rosal; a Festa do Choco de Redondela; a Festa da Ostra de Arcade en Soutomaior; o Entroido de Goián en Tomiño; a Festa da Cacheira en Pazos de Borbén, o Encontro de Viños da Raia de Tui e a Festa da Arribada de Baiona, que obtivo a distinción na edición celebrada este mesmo ano.
As festas que revalidaron o seu distintivo por segundo ano consecutivo, e que ademais de manter os compromisos asumidos na primeira edición do programa incorporaron novas accións para mellorar aínda máis a súa sustentabilidade, foron a Festa dos Ovos Fritos con Chourizo de Parada en Nigrán e a Festa dos Callos do Porriño.
O programa Festa Sostible de Galicia Suroeste desenvólvese no marco PSTD A Despensa de Galicia, financiado con fondos NEXT GENERATION-UE.