A unidade móbil de “Coidados porta a porta” visitará Oia os días 28 de outubro e 2 e 3 de novembro

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” da Xunta de Galicia visitará Oia nas próximas semanas para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación de memoria. O vehículo situarase diante do campo de fútbol de Santa María de Oia os días 28 de outubro e 2 e 3 de novembro.

Este servizo gratuíto está dirixido a persoas maiores de 55 anos. Funciona con cita previa, que xa se pode solicitar chamando aos teléfonos 622.748.283/623.546.992 ou ben a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. A inscrición previa tamén pode facerse no teléfono do Concello de Oia: 986.36.21.25.

O programa “Coidados porta a porta” inclúe tres tipos diferentes de servizos: podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Cada sesión concertada pode ter unha duración de ata 45 minutos. Segundo a especializade, as actuacións serán as seguintes:

-Servizo de podoloxía con consulta básica, onde se fará unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas e se procederá a eliminación de durezas, calos e helomas.

-Servizo de audioloxía, no que se fará unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.

-Servizo de estimulación da memoria, cun profesional que realizará una valoración cognitiva e proporcionará pautas para previr e minorar posibles deterioros.

Programa dirixido a maiores do rural

“Coidados porta a porta” achega servizos asistenciais a maiores que viven no rural co obxectivo de previr a dependencia. Percorre os distintos concellos de Galicia para que as persoas usuarias poidan permanecer coidadas na súa contorna.

Esta será a segunda das paradas en Oia deste programa sociosanitario galego, que xa estivo presente na localidade os pasados 25, 26, 27 e 28 de abril.

Pin It on Pinterest

Share This