Boa acollida do Torneo de Xadrez Concello de Oia na súa primeira edición
A pasada fin de semana desenvolveuse a primeira edición do Torneo de Xadrez Concello de Oia, evento que gozou dunha moi boa acollida, con preto de 40 participantes procedentes de diversos clubs galegos.
O Torneo, organizado por Xadrez Albatros e coa colaboración do Concello de Oia, desenvolveuse na tarde do sábado 25 no CEIP Mestre Manuel García. En total, participaron 37 xogadores e xogadoras de diversos clubs galegos e de diferentes categorías (repartíronse trofeos para as de Adultos, Sub-14, Sub-12, Sub-10 e Sub-8.)
A competición transcorreu con moi bo ambiente, deportividade e cunha final moi emocionante, quedando en primeiro lugar Francisco Rego Lorenzo (categoría Adultos) do club Xadrez Laroca. Tamén destacou a actuación de Javier del Crespo Valle, de 12 anos (Xadrez Mos), xogador que foi quen de poñer en xaque a todos os adultos. O listado cos 5 primeiros gañadores está dispoñible na web de Albatros: www.xadrezalbatros.com
A alcaldesa, Cristina Correa, quere transmitir os seus parabéns a todas as persoas participantes neste I Torneo de Xadrez Concello de Oia. Tamén traslada a súa felicitación ao Club Albatros pola boa organización do evento, do que espera que teña continuidade en vindeiras edicións.