Dous novos paneis informativos poñen en valor as contornas das Pozas de Loureza e Pozo do Arco
As novas estruturas ofrecen a posibilidade de seguir unha pequena ruta lineal de sendeirismo de 4,5km entre ambos puntos
O Concello de Oia continúa coas súas accións de posta en valor de espazos de interese patrimonial e natural do municipio coa instalación de dous novos paneis interpretativos nos accesos ás Pozas de Loureza e á área recreativa do Pozo do Arco (Burgueira).
Estes paneis inclúen información visual e textos divulgativos sobre os principais valores de cada unha destas contornas, ambas incluídas dentro dunha ruta de sendeirismo de 12,5km de lonxitude que, cun trazado circular, comunica as parroquias de Loureza e Burgueira. Esta ruta longa conta coa súa propia sinalización, á que agora se lle suman dous paneis con información complementaria que amplían o abano de posibilidades.
Así, ademais de proporcionar información sobre cada un dos espazos, as indicacións contidas nestes dous novos paneis permiten realizar unha pequena ruta lineal que, baixo o título de “Ruta das Pozas”, une ámbolos dous puntos situados ás beiras do río Tamuxe/Carballas. Deste xeito, proponse un pequeno itinerario (4,5km só ida) para coñecer a zona comprendida entre as Pozas de Loureza e o Pozo do Arco sen necesidade de realizar a ruta completa “Sendeiro Loureza-Burgueira”, unha circular de 12,5km.
O deseño, elaboración e instalación das dúas novas estruturas interpretativas supuxo un investimento total de 3.195 euros, que o Concello financiou integramente a través das subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2021 convocadas pola Deputación de Pontevedra.