Este luns, día da Virxe do Mar, festivo local en Oia

Este luns 6 de xuño será un dos dous días elixidos pola Corporación Municipal como festivo local para este 2022. A data correspóndese co día dedicado á Virxe do Mar, patroa de Oia e coñecida popularmente polo nome de “A Delamar”.

A festividade da Virxe do Mar, de gran tradición en Oia, non ten data fixa por celebrarse o luns seguinte á festa de Pentecostés (que, á súa vez, celébrase 50 días despois da Pascua). Tendo en conta esta particularidade, neste ano a celebración coincide o 6 de xuño.  

O outro festivo, para decembro

O outro festivo local en Oia será o 27 de decembro, coincidindo coa festividade dedicada a Santa Uxía, patroa da parroquia de Mougás.

En anteriores anos tíñase escollido o 7 de agosto, día dedicado a San Mamede, patrón de dúas das seis parroquias do municipio: Loureza e Pedornes. Nos anos 2021 e 2022 a posibilidade quedou desbotada por coincidir en sábado e domingo, respectivamente. En 2021 o festivo foi San Miguel, patrón de Viladesuso que se festexa no mes de setembro, e este ano farase a finais de ano, coincidindo coa patroa de Mougás.

Pin It on Pinterest

Share This