O Concello de Oia alegará contra o parque eólico Merendón
Convocará á veciñanza a unha reunión informativa o 11 de xaneiro en Loureza
O Concello de Oia presentará alegacións contra o parque eólico do Merendón, para o que xa contratou a unha empresa especializada, a cal xa a está a traballar na análise da documentación sometida a información pública desde o pasado 23 de decembro. O prazo para a presentación de alegacións conclúe o próximo 14 de xaneiro.
O DOG do 23 decembro anunciou o procedemento de información pública para o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública das instalacións do parque eólico Merendón. Este parque prevé un total de 5 aeroxeradores, dous deles en Oia e tres no Rosal.
Na información pública inclúese a seguinte documentación: proxecto de execución, estudo de impacto ambiental, proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e relación de bens e dereitos afectados. Pódese consultar na seguinte ligazón da web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica, na epígrafe de instalacións de xeración
Pola súa banda, o Concello de Oia ten creado un apartado específico na web municipal onde vai actualizando a información dispoñible sobre os parques eólicos que afectan ao municipio. A documentación relativa ao Merendón está dispoñible para a súa consulta na seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-do-merendon/
Reunión veciñal
Ao igual que no seu momento se fixo co parque eólico Albariño I, contra o que a Administración local tamén presentou alegacións, o Concello de Oia convoca unha reunión informativa para abordar, ante a veciñanza, o caso do parque do Merendón.
Esta xuntanza informativa celebrarase o martes 11 de xaneiro ás 18.30 horas nas Escolas de Loureza.
Características técnicas do parque do Merendón
Segundo consta no DOG do pasado 23 de decembro, as características técnicas do proxecto do parque eólico do Merendón son as seguintes:
- Cinco aeroxeradores de 4.200 kW de potencia nominal unitaria, de 112 m de altura de buxa e 136 m de diámetro de rotor.
- Cinco centros de transformación de potencia aparente 4.700 kVA e tensión 0,72/30 kV, localizados no interior dos aeroxeradores.
- Rede de media tensión de 30 kV soterrada, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación de manobra.
- Subestación de manobra e centro de mando e control do parque.
- Rede de media tensión de 30 kV soterrada, de interconexión entre a subestación de manobra e a subestación de transformación 30/132 kV.
- Subestación de transformación 30/132 kV. Así mesmo, para realizar as funcións de control, mando e protección da instalación montaranse os seguintes cadros: servizos auxiliares, baterías de corrente continua 48 Vcc, proteccións eléctricas e sistema de control e SCADA. En 132 kV o transformador está directamente conectado á posición de 132 kV da subestación O Rosal mediante barras.