Oia abre o prazo para solicitar fogueiras de San Xoán ata o 21 de xuño

Soamente poderán solicitalas particulares en espazos de titularidade privada

O Concello de Oia abre o prazo para que, os particulares que así o desexen, poidan solicitar a autorización para acender fogueiras de San Xoán en fincas privadas. O antedito prazo permanecerá aberto ata as 12.00 horas do próximo 21 de xuño.

As persoas interesadas deberán presentar unha comunicación no Rexistro Municipal (de forma presencial ou a través da sede electrónica), achegando o modelo de solicitude publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na web municipal (www.concellodeoia.es).

Este ano, por mor da Covid-19, as tradicionais fogueiras de San Xoán (noite do 23 ao 24 de xuño) só poderán facerse por parte de particulares e en terreos privados, pois a súa celebración en espazos públicos está prohibida.

Medidas de seguridade

Nas cacharelas autorizadas será obrigatorio cumprir as medidas de seguridade, tanto en materia sanitaria como no que respecta a prevención de incendios. Polo tanto, deberán respectarse en todo momento as restricións vixentes en materia de aforos, distancias, uso de máscara e outras medidas de autoprotección.

As autorizacións quedarán automaticamente revocadas no caso de que as autoridades decidan suspender este tipo de actividades atendendo ás circunstancias meteorolóxicas, de seguridade ou sanitarias que así se determinen conforme a lexislación vixente. Tamén quedarán revocadas automaticamente en caso de que o IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio forestal) sinale risco extremo de incendio para ese día.

O Concello de Oia fai un chamamento á veciñanza para o cumprimento das normas de seguridade (as cales aparecen detalladas no modelo de solicitude a presentar por rexistro ou sede electrónica), así como tamén de todas aquelas de carácter sanitario que estean en vigor.

Pode descargar o modelo de solicitude:

MODELO SOLICITUDE FOGUEIRAS SAN XOAN 2021 OIA

Pin It on Pinterest

Share This