A inauguración da Praza do Campo, en Burgueira, adiántase a este sábado
Por mor das previsións de chuvia para o domingo 5 de marzo, a inauguración da Praza do Campo, en Burgueira, adiantarase ao sábado. O acto comezará ás 12.00 horas e contará coa asistencia de representantes da Corporación Municipal e da Deputación de Pontevedra, institucións que financiaron os traballos. Os grupos locais Tra-lo Mosteiro e As Caramuxas serán os encargados de amenizar a xornada festiva co seu repertorio de música tradicional e, a maiores, ofrecerase un pequeno aperitivo.
Unha vez rematados os traballos para renovar este espazo público e dotalo dunha identidade propia, o Concello de Oia quere compartir e celebrar coa veciñanza a transformación deste espazo situado no corazón da parroquia Burgueira.
Estas obras conseguiron transformar o lugar converténdoo nun espazo polivalente, accesible e respectuoso coa paisaxe e o patrimonio. O custe total da actuación foi de 267.867 euros, financiados con cargo ao programa REACPON da Deputación de Pontevedra cunha achega de 241.080 euros e asumindo o Concello a parte restante, de 26.786 euros.