A Xunta concede 20.000 € ao concello de Oia para recuperar un conxunto tradicional no lugar da Riña
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver as solicitudes de 2022 das entidades locais á liña de axudas destinada a instaurar o ‘fermosismo‘ | A actuación subvencionada en Oia consistirá en mellorar a imaxe dun conxunto integrado por 3 fontes e 1 lavadoiro
A Xunta acaba de conceder unha axuda por un importe de 20.000 euros ao concello pontevedrés de Oia para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos e edificios municipais. Neste caso concreto, a actuación subvencionable centrarase nun conxunto tradicional integrado por 3 fontes e 1 lavadoiro.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes de 2022 á liña de axudas destinada a instaurar o fermosismo en Galicia e dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes.
Cómpre lembrar que esta orde de subvencións —convocada en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito acaba de ampliarse ata os 800.000 euros— recolle dúas liñas de actuación: unha para subvencionar obras coas que emendar o impacto negativo que causan sobre a contorna dependencias que acollen servizos municipais; e outra pensada para mellorar determinados tipo de equipamentos públicos propiedade dos concellos, con especial fincapé nos elementos etnográficos —fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros—.
No marco desta última convocatoria, o Concello de Oia recibirá 20.000 euros para actuar sobre un conxunto tradicional localizado no lugar da Riña, na parroquia de Santa María de Oia, integrado por 3 fontes e 1 lavadoiro e realizado maioritariamente en pedra granítica e muros de xunta seca. Os traballos consistirán na substitución da cuberta actual por outra de estrutura de madeira e cubrición de tella cerámica sobre placas de fibrocemento. Tamén se procederá á restitución de parte dos muros de pedra orixinais.