A nova área recreativa Pedra Rubia, actuación estrela do PSTD Oia Natural
O Concello de Oia destaca a actuación máis relevante do Plan de Sostibilidade Turística en Destino – Oia Natural: a transformación integral do antigo Cámping Pedra Rubia, en Mougás, nun gran parque público situado nun enclave privilexiado do litoral. A intervención consolida un espazo de alto valor ambiental e patrimonial que se converte nun punto de parada obrigatoria no Camiño Portugués da Costa, un itinerario en auxe que prevé pechar o ano con 100.000 peregrinos.
A nova área recreativa, situada na zona do Aguncheiro e aberta ao mar, recupera para o uso público unha parcela que fora privada, transformándoa nun recinto accesible, multifuncional e plenamente integrado na contorna. O espazo está deseñado para o desfrute de visitantes, turistas, peregrinos e veciñanza, ofrecendo unha combinación equilibrada de natureza, lecer e convivencia nun dos tramos máis espectaculares do litoral atlántico.
A intervención adquiriu unha relevancia aínda maior tras confirmarse recentemente a existencia de salinas romanas no interior da parcela, un achado de grande interese histórico que reforza o valor patrimonial do lugar. A zona onde se localizaron estes vestixios non foi obxecto de transformación á espera das escavacións e estudos arqueolóxicos que deberán realizarse conforme ás indicacións dos organismos competentes.
A alcaldesa amosa a súa satisfacción pola recuperación deste espazo:
“É unha alegría ver como un lugar con tanto potencial se transforma nun parque público pensado para todos. Recuperamos un enclave único, aberto ao mar, que ofrece novas oportunidades de lecer e convivencia e que reforza a identidade de Oia como destino sostible”.
Sobre o achado das salinas romanas, Correa subliña que “abre unha expectativa extraordinaria. Estamos ante un elemento patrimonial de enorme valor que pode contribuír a comprender mellor a historia do noso litoral. A parcela queda preparada para que, cando corresponda, poidamos avanzar nas escavacións e estudos arqueolóxicos que permitan poñer en valor estes restos”.
Con un investimento aproximado de 1,3 millóns de euros, o Concello de Oia combinou dúas vías de financiamento complementarias: o Plan de Sostibilidade Turística en Destino, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, e o Plan Extra da Deputación de Pontevedra.
Baixo a dirección da arquitecta e paisaxista María Fandiño, o deseño do parque aposta pola integración paisaxística, a accesibilidade universal e a creación de espazos de uso diverso. O recinto conta con piscina e solarium, área de fontes de chan, espazos infantís, pista polideportiva, espazo para bar ou cafetería, aseos e itinerarios accesibles que vertebran todo o conxunto. Ademais, incorporáronse accións de renaturalización orientadas a recuperar a flora autóctona mediante pradeiras atlánticas, áreas arbustivas e taludes vexetados.
Coa apertura deste novo parque público, Oia reafirma o seu compromiso cun turismo sostible, poñendo en valor a paisaxe, a natureza e o patrimonio. A área recreativa de Pedra Rubia ofrece así un espazo único para o lecer e para descubrir a maxia das antigas salinas romanas, un enclave singular da costa chamado a converterse nun referente para veciños, visitantes e peregrinos.
