O tradicional Cross de Pedornes volve o 13 de maio como carreira infantil

O Cross de Pedornes volve tras un parón de 27 anos sen celebrarse, cunha nova edición dirixida especificamente aos máis pequenos e pequenas do Baixo Miño e Val Miñor. Esta carreira pedestre infantil celebrarase o próximo 13 de maio con un total de 6 categorías para nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2022.

O Cross de Pedornes foi unha tradicional carreira creada grazas á dedicación e o traballo desinteresado de José Javier Pereira Feijoo, Chicho, e que se celebrou nesta parroquia durante algo máis dunha década e congregando a varios centos de participantes nas súas edicións. A primeira foi en 1985 e, tras 11 convocatorias, celebrouse por última vez en 1996. Agora a competición volve e desenvolverá a súa XII edición baixo a denominación Cross Escolar de Pedornes e coa organización do Concello de Oia, o club Cornelios e a Comisión de Festas de Pedornes.

A participación é gratuíta, sendo necesaria unha autorización asinada polo pai/nai/titor do menor. As prazas son limitadas e a inscrición pode facerse a través da ligazón https://acortar.link/kHlluG. O prazo remata o 9 de maio. Para máis información pódese chamar ao Concello ao teléfono 986362125.

O día 13 de maio as carreiras sairán do Eirado de Pedornes ás 17.00 horas, se ben os dorsais poderán recollerse a partir das 15.30 horas. Haberá un total de 6 categorías, con distancias que van desde os 100 metros para os “minipulgas” (nenos e nenas nados nos anos 2020, 2021 e 2022) ata os 1.750 metros para os participantes inscritos na categoría “infantil” (nados nos anos 2010 e 2011). Haberá un pequeno agasallo para todos aqueles que participen e os vencedores serán premiados cun trofeo.

Pin It on Pinterest

Share This