Oia amplía a súa aposta polo pump track cun novo circuíto infantil para a iniciación deportiva

A nova instalación complementa a oferta existente e dá resposta á demanda das familias para contar cun espazo adaptado aos máis pequenos

O Concello de Oia vén de habilitar unha nova zona infantil de pump track, un espazo pensado para que os nenos e nenas de menor idade poidan iniciarse nesta disciplina nun contorno seguro e adaptado ás súas capacidades.

Esta actuación dá continuidade á aposta que o Concello vén realizando nos últimos anos pola creación de infraestruturas deportivas e de lecer vinculadas ao pump track. Grazas aos investimentos realizados, Oia conta hoxe cun referente neste ámbito, acollendo durante o pasado verán unha proba do Campionato Galego de Pump Track, que reuniu no municipio a numerosos deportistas e afeccionados.

Coa creación deste novo circuíto infantil, o Concello pretende completar a oferta existente e facilitar que os máis pequenos tamén dispoñan dun espazo propio onde aprender, divertirse e desenvolver habilidades como o equilibrio, a coordinación e a psicomotricidade.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou que esta iniciativa responde a unha demanda trasladada por moitas familias do municipio. “Despois do éxito das instalacións xa existentes, detectamos a necesidade de crear unha zona específica para a infancia, onde os máis pequenos poidan iniciarse nesta práctica deportiva con todas as garantías de seguridade e cun espazo adaptado ás súas necesidades”.

A actuación foi financiada coa colaboración doutras administracións a través da liña de subvencións para infraestruturas da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, unha cooperación institucional que permite seguir mellorando os equipamentos públicos do municipio e ampliar os servizos destinados á veciñanza.

Con esta nova actuación, o Concello continúa avanzando nun modelo de municipio que aposta por dotar á infancia e á mocidade de recursos modernos, accesibles e adaptados ás súas necesidades, favorecendo a práctica deportiva desde as primeiras idades.

 

Pin It on Pinterest

Share This